
O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente investirá máis de 370.000 euros en actuacións de mellora do río Neira en Baralla (Lugo)
- Detalles
- Mércores, 10 Xaneiro 2018

- O obxecto do proxecto é a mellora da área recreativa do río Neira para o goce de veciños e visitantes, mediante actuacións de mellora da senda peonil existente e da construción dun azud desmontable
- Este investimento será sufragado nun 80% polo Ministerio, a través da CHMS, e o 20% restante polo Concello
O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), formalizou esta mañá o convenio de colaboración co Concello de Baralla para o financiamento e execución das actuacións ambientais na área recreativa do río Neira en Baralla (Lugo).
O acto de firma foi celebrado na Subdelegación do Goberno en Lugo, presidido polo subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, e rubricado polo presidente de CHMS, Francisco Marín, e polo alcalde de Baralla, Manuel González.
O obxecto do proxecto é a mellora da área recreativa do río Neira, a través da mellora da senda peonil existente e da construción dun azud desmontable, para o goce de veciños e visitantes da zona
Proxecto
A senda peonil proxectada terá unha lonxitude de 977 metros e discorrerá pola marxe esquerda do Río Neira, comunicando o espazo comprendido entre o merendero da área recreativa e a ponte situada na estrada LU- P-0502, desprazándose a través da zona de prados e terras de cultivo anexa ao sistema fluvial e afastándose da franxa de inundación e servidume do río onde se atopa a vexetación da ribeira existente.
O azud desmontable situarase nas proximidades da área recreativa actual, formando un vaso augas arriba que poderá ser empregado como zona de baño na época estival. Así mesmo, a contorna adxacente ao río permite o seu uso como praia fluvial en todo o tramo afectado polo azud.
O proxecto contempla a utilización de materiais que minimicen o impacto paisaxístico no ámbito de actuación, garantindo en todo momento a conservación do atractivo ambiental asociado a esta canle e asegurando a súa integración na ordenación da poboación.
Investimento e prazo de execución
O investimento máximo ascende a 370.000 euros, que serán financiados nun 80% polo Ministerio, a través da CHMS, e o 20% restante polo Concello de Baralla, cantidade que inclúe o orzamento da obra, expropiacións e bens afectados, e as asistencias técnicas necesarias durante a redacción do proxecto.
O prazo de execución das obras será de 4 meses.