
A CHMS colabora na formación dos voluntarios ambientais que participan na limpeza dos ríos da conca do Miño-Sil
- Detalles
- Xoves, 28 Setembro 2017

- A través dun convenio de colaboración con ADEGA, mediante o que se instrumenta a entrega dunha subvención de 10.000,00 € para este ano 2017
- ADEGA dispón da infraestrutura e dos medios técnicos adecuados, así como da experiencia necesaria en coordinación de voluntarios
O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), asina un Convenio de Colaboración coa Asociación Ecoloxista ADEGA, mediante o que se entrega unha subvención de 10.000 € para o desenvolvemento dun programa de formación de voluntariado ambiental e divulgación dos valores naturais asociados á Conca do Miño-Sil.
Este Convenio foi rubricado onte, na sede da CHMS, por Francisco Marín, presidente do organismo de conca; e por Virxinia Rodríguez, presidenta de ADEGA. Ambas as partes comparten o obxectivo común da defensa e promoción da sustentabilidade dos ecosistemas fluviais e consideran de gran importancia levar a cabo conxuntamente o desenvolvemento de diversas actuacións de colaboración e cooperación no ámbito do desenvolvemento sustentable e de educación ambiental.
ADEGA vén desenvolvendo desde hai anos accións concretas no fomento e mantemento da sustentabilidade dos ríos a través do Proxecto Ríos que ten como finalidade principal dar a coñecer o papel fundamental dos ríos e das súas problemáticas ambientais, así como divulgar prácticas e comportamentos que permitan aos cidadáns o mantemento e mellora dos sistemas fluviais mediante dinámicas que fomenten a súa participación.
Neste sentido a asociacion xa dispón da infraestrutura e dos medios técnicos adecuados, así como da experiencia necesaria en coordinación de voluntarios, consolidando, ao longo dos anos, unha ampla rede de voluntariado que garante unha capacidade de difusión e repercusión das actividades realizadas.
"Desde a CHMS consideramos que a colaboración na formación de voluntarios é clave para continuar un labor que esta Asociación Ecoloxista vén desenvolvendo en favor da mellora e conservación dos ecosistemas e das canles fluviais" concluíu Francisco Marín, presidente do organismo de conca.