
O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente investirá 1,4 millóns de euros en actuacións de mellora do saneamento de auga de Monforte (Lugo)
- Detalles
- Mércores, 20 Setembro 2017

Este investimento será sufragado nun 35,7% polo Ministerio, a través da CHMS, o mesmo porcentaxe pola Deputación de Lugo e o 28,5% restante polo Concello de Monforte
As actuacións previstas están recollidas no Programa de Redución da Contaminación, redactado polo Concello a requirimento do Organismo de conca
O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA), a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), formalizou esta mañá o convenio de colaboración coa Deputación Provincial de Lugo e co Concello de Monforte de Lemos(Lugo) para o financiamento e execución de distintas obras de saneamento no núcleo urbano de Monforte.
O acto de firma foi celebrado na Subdelegación do Goberno en Lugo, presidido polo delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e rubricado polo presidente de CHMS, Francisco Marín, o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos, e o alcalde de Monforte, José Tomei. Tamén asistiu o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, entre outras autoridades.
O PROXECTO
As actuacións para desenvolver no marco do convenio consistirán na eliminación de infiltracións e achegas incontroladas de auga de escorrentía nunha serie de colectores da rede secundaria de saneamento no núcleo urbano; estas actuacións forman parte do Programa de Redución da Contaminación redactado polo Concello de Monforte de Lemos, a requirimento do Organismo de conca, para cumprir coa normativa de augas.
Para levalas a cabo, actuarase na renovación da rede existente mediante a rehabilitación ou substitución de tubaxes e pozos de rexistro, en función do seu grao de conservación, intervindo nos lugares detectados nos estudos xa realizados, entre os que destacan os levados a cabo pola Xunta de Galicia, e os que poidan detectarse durante a redacción do proxecto de construción.
O investimento total previsto no Convenio ascende a 1,4 millóns de euros, sufragados nun 35,7% polo Ministerio, a través da CHMS, o mesmo porcentaxe pola Deputación de Lugo e o 28,5% restante polo Concello de Monforte.
APOSTA DO MINISTERIO POLA DEPURACIÓN
O Goberno de España, a través do MAPAMA, concede gran importancia á política da auga, e en particular, á depuración e o saneamento, co obxectivo de lograr alcanzar os obxectivos ambientais do noso país.
Para iso púxose en marcha o Plan de Medidas para o Crecemento, a Competitividade e a Eficiencia (Plan CRECE), que está a executar o MAPAMA para mellorar a calidade das augas que chegan aos ríos. Este Plan prevé uns investimentos en materia de depuración de 1.100 millóns de euros para a posta en marcha dunha serie de traballos, financiados con fondos europeos, destinados a conseguir que todos os municipios depuren adecuadamente as súas augas residuais, conforme á Directiva Marco da auga, xa que unha auga mellor depurada incide directamente no benestar dos cidadáns e porque unha depuración adecuada é vital para o mantemento dos ecosistemas.
O Ministerio traballa, ademais, na elaboración dun futuro Pacto Nacional pola auga, co que se pretende achegar solucións e dar resposta aos principais retos da xestión da auga no noso país coa máxima participación, diálogo e consenso.
Este Pacto aséntase sobre catro grandes eixos, o segundo dos cales é o cumprimento dos obxectivos ambientais, atendendo os asociados ao saneamento e depuración.