
A CHMS traballa no acondicionamento e limpeza do río Barbaña ao seu paso pola zona urbana de Ourense
- Detalles
- Xoves, 13 Xullo 2017

- O presidente do Organismo de conca e o alcalde da cidade visitaron a zona de actuación
- Actuarase en distintos tramos dos ríos Barbaña, Lonia e Porto e nos regachos dos Muiños, Vistahermosa, Valdorregueiro e do Cano, o que supón un total de máis de 14 km. de canle
- O investimento previsto estímase en 125.000 euros
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA), inicia os traballos de restauración hidrolóxico-forestal do río Barbaña, ao seu paso pola cidade de Ourense.
Esta mesma mañá, o presidente da CH do Miño-Sil, Francisco Marín, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, visitaron a zona de actuación no río Barbaña no tramo urbano de Ourense.
Esta actuación está incluída na Encomenda de Xestión de "Restauración hidrolóxico forestal e mellora da conectividade en canles das concas dos ríos Miño e Limia na provincia de Ourense" nas que o Organismo de conca investirá máis de 250.000 euros.
Dentro das mesmas e no TM de Ourense, executaranse traballos en distintos tramos dos regachos dos Muiños, Vistahermosa, Valdorregueiro e do Cano e nos ríos Lonia e Porto en Ourense e no Barbaña (tramo de Ourense e de San Cibrao das Viñas), nun total de 14 km. de canle. O investimento previsto para ambos os municipios ascende a 125.000 euros.
Actuacións previstas
Na inspección previa realizada comprobouse unha importante presenza de vexetación arbustiva, exceso de matogueira e maleza acumulada, ademais de árbores secas, caídos no leito do río, así como, restos de plásticos, botellas e demais residuos sólidos urbanos.
A programación dos traballos realizouse atendendo á problemática concreta da zona e para iso estanse realizando tratamentos silvícolas, mediante rozas puntuais da vexetación existente eliminando o exceso de matogueira e a maleza acumulada nalgunhas zonas, co obxectivo principal de mellorar a capacidade de desaugadoiro e de acondicionar a banda de vexetación, tanto en densidade como en estrutura.
Programáronse, ademais, podas selectivas sobre o estrato arbóreo, apeando os pés claramente dominados ou decrépitos e respectando en todo momento as especies arbustivas autóctonas e procederase á retirada manual ou mecanizada de árbores caídas e susceptibles de caer ao leito do río, que puidesen obstruir a canle e provocar desbordamentos ou erosión dos noiros.
Os restos de vexetación retirados, serán triturados "in situ", salvo os máis grosos que se ofrecerán aos veciños para uso doméstico ou, no seu caso, serán transportados a un vertedoiro autorizado, a retirada dos residuos que poidan estar acumulados en ambas as marxes, cascallos, residuos sólidos urbanos e chatarra, entre outros, serán separados pola súa natureza e transportaranse a xestor autorizado.
O obxectivo, por tanto, é mellorar a estrutura da vexetación de ribeira e a continuidade lonxitudinal da canle para recuperar a sección de evacuación orixinal do mesmo, co ánimo de minorar ou eliminar os efectos nas infraestruturas e leiras lindeiras durante as inundacións por avenidas extraordinarias.
Conseguirase, por tanto, restablecer o equilibrio dinámico dos ríos e a restauración e mellora do ecosistema, co mínimo impacto ambiental negativo sobre a fauna e a flora autóctonas, todo iso co ánimo de favorecer o uso social da contorna.
Estas actuacións en Ourense cuxa duración se estima en 6 meses, son realizadas por unha brigada composta por unha cuadrilla forestal de 6 operarios, que realizarán o seu labor, fundamentalmente, por medios manuais e coa maquinaria adecuada compatible coa zona de actuación.