A CHMS financia dúas bolsas formativas para os alumnos do CIFP A Carballeira (Ourense)
- Detalles
- Luns, 14 Setembro 2015
O investimento do organismo é de 20.000euros
O centro escolar realizará a convocatoria e selección dos alumnos do Ciclo Superior de Laboratorio que realizarán as prácticas na Comisaría de Augas do organismo
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Francisco Marín Muñoz, asinaron hoxe un Convenio de Colaboración a través do que se regula a entrega dunha subvención de 20.000euros para sufragar a formación práctica a dous alumnos do Centro Integrado de formación profesional A Carballeira- Marcos Valcarcel.
No acto de rubrica estiveron acompañados polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o delegado Territorial da Xunta, Rogelio Martínez, polo subdelegado do Goberno, Roberto Castro e por varios membros da Comunidade Escolar, entre outras autoridades.
O período de prácticas terá unha duración dun ano, e será remunerado a través dun sistema de bolsas, polo que os beneficiarios non suplirán aos traballadores no Laboratorio de Análise, Control e Calidade das Augas da Comisaría de Augas da CHMS.
O propio centro convocará e seleccionará aos bolseiros entre os alumnos que finalizan o Ciclo Superior de laboratorio de análise e de control de calidade.
"A idea dunha formación de calidade é a clave na consecución de profesionais cualificados que poidan desempeñar, nun futuro, os labores que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ten encomendados no terreo do seguimento e control de calidade das augas", indicou Marín. "Ademais de ser a maneira de promover que os alumnos coñezan o funcionamento dos centros de traballo antes da súa incorporación ao mundo laboral, o que lles facilita unha experiencia previa da realidade", concluíu.