
O MAGRAMA inviste 2,3 millóns de euros na mellora da drenaxe do río Canedo, no tramo urbano de Ponteareas
- Detalles
- Martes, 08 Xullo 2014

Esta actuación mellora a capacidade de drenaxe do río, dende a súa zona baixa ata a súa desembocadura no río Tea e beneficiará a máis de 23.000 habitantes
O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio (MAGRAMA), a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), traballa na restauración ambiental e mellora da drenaxe no río Canedo ao seu paso polo tramo urbano de Ponteareas, actuacións que supoñen un investimento de 2.261.790 de euros.
Esta mañá o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, acompañado polo presidente da CH do Miño-Sil, Francisco Marín, o presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Louzán, e o alcalde de Ponteareas, Salvador González, comprobaron, in situ, a boa marcha dos traballos. Na visita estiveron acompañados polo subdelegado do Goberno na provincia, Antonio Coello.
Estas actuacións fináncianse a través de Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), deseñados dentro do período 2007-2013, cunha porcentaxe de financiamento do 80% pola CHMS e un 20% pola deputación provincial de Pontevedra.
ACTUACIÓNS
O obxectivo do proxecto é a mellora da capacidade de drenaxe do río Canedo, dende a súa zona baixa ata a súa desembocadura no río Tea, froito da escasa sección hidráulica dos tramos entubados e da deterioración ambiental provocada pola presión urbanística, Para dotar dunha solución á casuística detectada trabállase na construción de seccións de paso que faciliten o desaugadoiro dos caudais de avenida, evitando posibles verteduras e infiltracións de augas residuais ao río e á rede de saneamento no seu percorrido final.
Estes traballos compleméntanse co acondicionamento da canle e marxes, declaradas como lugar de interese comunitario -LIC-, con actuacións compatibles que respecten e valoricen as condicións naturais existentes para lograr un bo estado ecolóxico e así poder evitar as inundacións, nas épocas de abundantes chuvias, e que adoitan provocar importantes danos na zona urbana de Ponteareas.
GRAO DE EXECUCIÓN
Actualmente, xa foron acometidas mais do 30% das actuacións proxectadas, que beneficiasen ao conxunto da poboación de Ponteareas, que supera os 23.000 habitantes.
Neste momento xa foron executadas actuacións de apertura do río ao exterior na zona de matadoiro, nos tramos por onde discorría enterrado. Tamén se realizaron as demolicións proxectadas e a colocación da nova rede de saneamento, incluíndo diques de canalización de augas baixas. Na actualidade estase a traballar na colocación dun marco de formigón armado na zona do pavillón de deportes, co conseguinte desvío de tráfico da estrada de Mondariz, e na execución das cimentacións da ponte proxectada augas abaixo do matadoiro.