
O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio executará as obras da EDAR de Pontebarxas (Padrenda-Ourense) na que se investirán 800.000 euros
- Detalles
- Mércores, 16 Outubro 2013

O MAGRAMA, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, sufragará o 90% do investimento, a Deputación Provincial o 10% restante e o Concello poñerá a disposición os terreos necesarios
Esta infraestrutura dará servizo a 600 habitantes e mellorará a calidade da auga dos ríos Troncoso e Leboreiro
O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio (MAGRAMA), a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, formalizou esta mañá o convenio de colaboración coa Deputación Provincial de Ourense e o Concello de Padrenda para o financiamento e execución das obras da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Pontebarxas (Padrenda- Ourense), así como a formalización da encomenda de xestión para a entrega, mantemento e conservación das mesmas.
O presente convenio foi rubricado polo presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín, polo presidente da Deputación Provincial de Ourense, José Manuel Baltar, e polo alcalde de Padrenda, Manuel Pérez.
O acto de firma, celebrado no Concello de Padrenda, contou coa asistencia do subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e dos membros da Corporación municipal, entre outros.
Estas actuacións están incluídas no programa operativo de financiamento con cargo aos Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil deseñou dentro do período 2007-2013, e que contan coa participación e apoio cidadán das poboacións implicadas, co obxectivo de levar a cabo actuacións para a mellora ambiental do ámbito dos ríos.
O PROXECTO
Na actualidade o núcleo de Pontebarxas, pertencente ao Concello de Padrenda, conta cunha pequena EDAR, situada próxima á confluencia do río Troncoso e o regueiro Laceiras, a cal resulta insuficiente debido á extensión da rede de saneamento nos últimos anos e á infiltración de pluviais na rede, deseñada para dar servizo a 50 habitantes, contando na actualidade con 300 domicilios conectados, o que dificulta a axeitada depuración.
Por iso, o obxectivo fundamental desta actuación estivo motivado pola necesidade de construción dunha nova EDAR para a conca vertente de Pontebarxas, xunto cunha serie de actuacións complementarias que axudarán á mellora do saneamento na zona, así como á reurbanización dos accesos á instalación, hoxe en día en precario estado.
A nova EDAR, que ocupará os terreos da actual así como os lindantes, terá capacidade para tratar as augas de 600 habitantes/equivalentes, e as obras consistirán na creación dun novo proceso para a liña depuración das augas residuais cun pretratamento, nun tratamento primario e nun biolóxico secundario.
Como actuacións complementarias deseñouse un novo colector que recollerá as augas da parte baixa de Pontebarxas, ademais da urbanización dos accesos actuais, a creación dun acceso á nova EDAR e a dotación dos servizos de subministración necesarios.
Para levar a cabo este proxecto o investimento previsto estímase 800 mil euros, cuxo financiamento, será sufragada con Fondos FEDER, un 80% do custo total, que correrá por conta da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e a achega da parte nacional, que haberá de realizarse con fondos compatibles cos obtidos do FEDER, corresponderalle á Deputación Provincial de Ourense e á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil nunha porcentaxe do 10% cada unha. O prazo de execución das obras estímase en 18 meses.
PROXECTO CARISMA
Esta actuación descrita complementa as xa realizadas nesta zona e enmarcadas no Proxecto CARISMA - Calidade ambiental das reservas fluviais internacionais- dentro do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal.
Entendendo a filosofía deste proxecto como a realización de obras que contribúan a protexer, integrar e conservar os recursos hídricos dos territorios transfronteirizos, neste caso, tratáronse de valorizar os ríos transfronteirizos, Troncoso e Laboreiro, con actuacións que contribúan a conseguir que ambas as dúas canles fluviais conten coas características requiridas para poder ser propostos como Reservas Naturais Fluviais Internacionais, un fito na Unión Europea.
Das distintas actuacións realizadas destácase o acondicionamento da marxe dereita e substitución de pasarela peonil no río Troncoso en Padrenda, no que se investiron uns 54.000 euros e a mellora dos accesos e sendeiro peonil no río Castro Leboreiro en Olelas-Entrimo, que supuxo un investimento de máis de 50.000 euros. Ambas as dúas actuacións finalizaron en xuño deste ano.