Pretende obter un adecuado coñecemento e avaliación dos riscos de inundacións para lograr unha actuación coordinada das administracións e a sociedade co fin de reducir as súas consecuencias negativas.
O Consello de Ministros aprobou o Real Decreto de avaliación e xestión do risco de inundacións cuxos obxectivos fundamentais son obter un adecuado coñecemento e unha axeitada avaliación dos riscos asociados ás mesmas e lograr unha actuación coordinada de todas as administracións públicas e a sociedade para reducir as consecuencias negativas sobre a saúde e a seguridade das persoas e dos bens, así como do medio ambiente, o patrimonio cultual, a actividade económica e as infraestruturas do territorio que afectan.
O texto establece unha serie de obrigas fundamentais como son a avaliación preliminar do risco de inundacións, os mapas de perigosidade e de risco, e as disposicións complementarias de coordinación sectorial, participación pública e cooperación entre as diferentes administracións que son precisas para acadar este obxectivo.
As disposicións deste Real Decreto serán de aplicación ás inundacións ocasionadas por desbordamentos de ríos, torrentes de montaña, correntes de auga continuas ou intermitentes, os causados pola mar en zonas costeiras e os producidos pola acción conxunta de ríos e mar en zonas de transición.
Mediante este Real Decreto incorpórase ao Dereito español a Directiva 2007/60/CE, do Parlamento e do Consello, de 23 de outubro de 2007, relativa a avaliación e xestión do risco de inundación. No seu texto tívose en conta a recente creación dos Comités de Autoridades Competentes nas demarcacións con bacías intercomunitarias e a normativa existente en materia de Protección Civil, procurando a súa coordinación cos novos plans de xestión do risco de inundación.
Esta coordinación, que é tamén un mandato da Directiva, esténdese á política hidráulica xeral de todas as bacías e á ordenación territorial e urbanística no necesario para facer efectiva a prevención e protección contempladas nesta norma.
Este Real Decreto permite a introdución de novas ferramentas de xestión e axilizará a implantación de mecanismos de protección das bacías e das zonas inundables, o que evitará o diminuirá os danos ambientais e sobre os bens e persoas que se protexen. Asemade, o conxunto de disposicións introducidas permitirán responder, de xeito máis eficaz, ante as fortes presións de ocupación que sofren as zonas limítrofes ás bacías, permitindo unha diminución dos danos derivados das inundacións por avenidas.
Os plans de xestión do risco de inundacións esixidos no texto inclúen os programas de medidas que cada unha das administracións debe aplicar no ámbito das súas competencias para acadar o obxectivo previsto de reducir as consecuencias negativas producidas polas inundacións.
Por último, este Real Decreto foi informado polo Consello Asesor de Medio Ambiente, o Consello Nacional da Auga e a Comisión Nacional de Protección Civil, sendo consultadas tamén as Comunidades Autónomas e os sectores afectados.